Hoxe, no medio dunha clase, un profesor comentou que o Chat GPT non entende os chistes porque “é totalmente Asperger”. A clase riu, o profesor riu, eu quedei en silencio, sentindo como se me encollía o estómago. Pasei o resto da clase sen levantar a vista do ordenador, tentando facerme invisible ou desaparecer por completo.
A síndrome de Asperger foi un diagnóstico creado nos anos 70 pola psiquiatra Lorna Wing baseándose no traballo de Hans Asperger, un pediatra nazi que colaborou en programas de esterilización forzosa e asasinato sistemático de crianzas con discapacidades de todo tipo. Este diagnóstico servía para identificar persoas neurodiverxentes que non presentaban dificultades cognitivas nin comunicativas significativas. En tempos de Hans Asperger, esta distinción era necesaria para decidir que crianzas neurodiverxentes podían resultar útiles para o rexime nazi e cales podían ser exterminadas sen miramentos. Fóra da lóxica nazi, as persoas con Asperger eran persoas autistas consideradas útiles para o sistema capitalista.
A síndrome de Asperger foi eliminada do DSM (Diagnostics and Statistical Manual of Mental Disorders) en 2013 e da ICD (International Classification of Diseases) en 2018, pasando a estar incluída dentro do espectro autista, xa que a distinción entre autismo e Asperger non atendía a criterios médicos. Porén, 12 anos despois da publicación do DSM-5, o persoal médico segue evitando diagnosticar un trastorno do espectro autista ás persoas con altas capacidades comunicativas, sen ter en conta que o autismo afecta especialmente á comunicación pragmática e non tanto á adquisición das regras gramaticais. O DSM-5 tamén fala do infradiagnóstico nas nenas e mulleres, especialmente nos casos sen deterioro cognitivo, xa que estas adoitan adoptar mecanismos para “ocultar o enmascarar el comportamiento autista”.
Unha cousa que podemos extraír dos datos estatísticos é que, como mínimo, o 1% da poboación mundial é autista. Estatisticamente, todo o mundo coñece unha ou varias persoas no espectro, aínda que non o saiba. Probablemente haxa empregades autistas na túa empresa, consumidoris autistas no teu grupo de consumo local e estudantes e docentes autistas no teu centro de estudos. Se ti non sabes quen son pode ser porque non encaixan no teu preconceito de como actúa unha persoa autista ou porque consideren que non é boa idea compartir esa información contigo. Tal vez, de feito, se esforcen constantemente en non actúar como o teu preconceito das persoas autistas porque aprenderon hai muito tempo que esa era a mellor maneira de evitar problemas na escola, no traballo ou entre persoas coas que non teñen confianza. Tal vez actuaron con naturalidade ata que te escoitaron facer un chiste sobre a súa condición ou comparar as persoas autistas con animais non humanos, obxectos inanimados ou Chat GPT, e entón decidiron non dicir nada, decidiron que ti non eras unha persoa na que confiar, ou que o seu lugar de traballo non era un espazo seguro para elis.
Chat GPT non é autista nin “asperger”. Chat GPT non entende os teus chistes porque non é esa a súa función. As persoas autistas temos sentido do humor, sabemos rir e facer bromas, sentimos cousas coma o resto dos humanos e, polo xeral, queremos as mesmas cousas que queres ti: que nos deixen vivir en paz. Para min, o autismo non é algo inherentemente negativo, é simplemente a maneira na que funciona o meu cerebro, sen máis. Non sei se son máis ou menos útil para o capitalismo, non sei cal sería o meu papel na Austria nazi de Hans Asperger nin nos EUA de Lorna Wing, pero teño bastante claro que non son un robot, principalmente porque cando escoito alguén facer un chiste sobre autistas, o único que quero é pincharlle as rodas do coche, a ver se tamén lle fai graza. E coido que iso Chat GPT non o sabe facer.