A inicios do ano tiven a idea de recomendar un disco musical á semana na miña conta de Mastodon. Nalgún momento decidín recomendar só música que estivese dispoñible en Bandcamp para evitar enlaces de Spotify ou Youtube, pero en marzo comecei a ter problemas para mante-la periodicidade das recomendacións porque houbo varios discos dos que tiña muitas ganas de falar que só estaban nesas plataformas, así que me bloqueei e deixei de publicar. Agora que se achega a fin de abril, vou recupera-la miña idea orixinal, enlazando a Bandcamp cando sexa posible, pero sen deixar fóra discos que non estean dispoñibles aí, porque estou segure de que a xente sabe como buscar un disco, sexa en plataformas comerciais, sexa na bahía do pirata.
Sen máis, aquí as miñas recomendacións semanais (irei actualizando esta entrada):
- Manual de Romería, Rodrigo Cuevas (2023)
- Unha declaración de amor á tradición oral asturiana, ás romarías ata que abre o día, á sensualidade do baile e ao orgullo de ser autenticamente como cada quen é.
- En spoti.
- Basal, A Pedreira (2024)
- Basal é un álbum de fotos familiar, unha colección de recortes da vida e obra de Ugia Pedreira. Acompañada de voces familiares (figurada e literalmente, porque abre o disco coa súa mai e péchao coa filla), vai chimpando entre xéneros musicais e referencias coma quen xoga a mariola. Marabillosa, tranquila pero tamén crúa e forte.
- En Bandcamp
- Belaya Polosa, Molchat Doma (2024)
- Para bailar coma se a KGB non estivese mirando. Voces melancólicas que falan do frío de Minsk, de amor e insomnio mentres os sintetizadores te obrigan a moverte. Hai vida despois da fama en tiktok, aínda que neve durante meses (ou anos).
- En Bandcamp
- Omnia Vincit Amor, Rocío Márquez e Euskal Barrok Ensemble (2020)
- A voz celestial de Rocío Márquez, Enrike Solinís acariñando guitarras, cavaquinho e outros tantos instrumentos de corda, e o Euskal Barrok Ensemble como envoltura e abrigo dun disco simplemente perfecto. Unha beleza inconmensurable de inicio a fin.
- En spoti e youtube.
- Eyes of the living night, Jonathan Hultén (2025)
- Hultén é claramente un ser feérico e non se esforza demasiado por disimulalo. Folk amable e suaviño coma un baño de auga quente, letras bonitas que curan feridas e melodías que che entran na alma e botan raíces.
- En Bandcamp
- Vol. 3 The Subliminal Verses, Slipknot (2004)
- Non debe quedar ninguén no mundo que non saiba que Slipknot son un grito de raiba con 9 cabezas, 18 brazos e muitísimos bidóns, pero non deixa de sorprenderme que este disco siga a se-lo meu favorito deles despois de 20 anos, e un dos meus salvavidas infalibles cando a ansiedade me anubra a vista.
- En spoti, youtube e a vosa plataforma favorita de pirateo.
- The Mountain, Haken (2013)
- Rock progresivo con toques de jazz e metal feito por nerdos de conservatorio. Como manda o bo prog, é un disco conceptual que gaña con cada escoita.
- En Bandcamp
- Psicopano, Güintervan (2013)
- Folk galego e balcánico, jazz, canto lírico e riffs vertixinosos de violín con distorsión. Cancións felices para esperta-lo espírito e desbloquear sistemas nerviosos centrais. Un grupazo que revolucionou os torreiros galegos e provocou máis dun pogo apto para todos os públicos.
- En spoti, youtube e a colección de discos dalgunha xente con sorte.
- Vultos dançantes, semivitae (2024)
- Dúo de post punk fresquísimo cunha boa ración de sintetizadores e letras melancólicas para sacar bailar as penas. Algún día serán famosísimos.
- En Bandcamp
- unrequited love, hkmori (2022)
- Breakcore depresivo feito por unha chavala con ansiedade social que se fixo semifamosa (ou todo o famosa que pode facerse unha chavala que fai breakcore depresivo) por accidente cando o único que quería era facer temazos no seu cuarto.
- En Bandcamp, onde tamén podedes comprar toda a súa discografía por 10 míseros euros.
- Spirits, The Circling Sun (2023)
- Un discazo de jazz tan bo que é difícil crer que sexa o primeiro disco deste grupo. Melodías suaves e solos brillantes nos que cada membro ten o seu momento sen romper o equilibrio de cada tema. Un disco que pide segunda e terceira escoita.
- En Bandcamp